Si quieres acceder a los contenidos completos y ver más información e imágenes de los peces y cetáceos de la ría, échale un vistazo a nuestra versión para ordenador.
ANIMAIS - VERTEBRADOS - PEIXES CARTILAXINOSOS
PECES CARTILAGINOSOS


¿Cómo se entierran las rayas?
Os tiburóns, raias e quimeras pertencen a un grupo chamado condrictios, o que significa peixe - cartilaxe, que xunto coa ausencia de vexiga natatoria serán as principais diferenzas cos peixes óseos. Son animais cun sistema sensorial moi desenvolvido, o que os fai manexar unha gran cantidade de información que reciben a través de distintos sentidos. Cun cerebro moi grande, o cal está relacionado coa súa capacidade de aprendizaxe, e órganos adaptados efectivamente á alimentación, como a súa mandíbula protráctil. Todo isto convérteos en depredadores moi eficientes que están no alto da cadea trófica.
Para nadar, os TIBURÓNS axúdase dun alto contido de aceite no seu grande fígado (representando ata o 20% do peso total), así como da estrutura, disposición e funcionalidade das súas aletas, que se complementan para favorecer a hidrodinámica. Ademais, no canto de ter escamas, a pel ten pequenos dentes afiados e orientados cara atrás (dentículos dérmicos). O melgacho tamén é coñecido como tiburón lixa por este feito, e a súa pel mesmo se usaba como tal na antigüidade.
Ademais da flotabilidade e a hidrodinámica, nos tiburóns debemos resaltar os seus sentidos. Como depredadores de alto nivel desenvolveron unha sensibilidade moi complexa para detectar presas. En primeiro lugar e como detección a longas distancias, utilizan os seus desenvolvidos sistemas de olfacto e ouvido. O olfacto é esencial, xa que funciona a máis de 100 metros de distancia e desencadea movementos automáticos de persecución de presas, son especialmente sensibles aos cheiros relacionados cos alimentos. Permítelles tamén identificar o xénero e a disposición sexual doutros exemplares. Para a audición empregan o oído e a liña lateral do seu corpo, podendo percibir frecuencias moi baixas mesmo a un quilómetro de distancia.
Nas distancias curtas usan o sentido da vista, aínda que os ollos son quizais o seu punto máis vulnerable. Tanto é así que teñen mecanismos especiais de defensa. Algúns tiburóns, como os tiburóns brancos, viran os ollos cara ao interior durante os ataques para protexelos. Outros teñen unha terceira pálpebra protectora (membrana nictitante). Deste xeito, os tiburóns quedan "cegos" no último momento do ataque, intre no que usan un sentido diferente, o eléctrico. Dispoñen de órganos especiais en todo o corpo, e especialmente na cabeza, as ampolas de Lorenzini, que son extremadamente sensibles aos cambios eléctricos nas distancias curtas (medio metro).
Isto todo convérteos en depredadores excepcionais, aínda que son moito máis inofensivos do que estas características poderían facernos pensar, de feito, os humanos representan unha ameaza moito maior para o tiburón do que ao revés. A imaxe que moitas persoas teñen dos tiburóns debido aos filmes difire moito da realidade. Ninguén nega que sexan animais salvaxes e poden ser perigosos, especialmente se non se respecta o seu espazo, pero nós non somos parte da súa dieta nin atacan por deporte. De feito, estímase que a probabilidade de ser atacado por un tiburón é de 1 entre 11 millóns e que este ataque provoque a morte de 1 entre 265 millóns. Pola contra, cada ano factores relacionados directamente co comportamento humano, como a sobrepesca, o uso de artes de pesca agresivas que as capturan indirectamente ou a contaminación, deciman de maneira importante todas as especies de tiburóns, algúns dos cales viron reducido o seu número nun 80% (como a melga) e cada vez máis especies están en perigo ou ameazadas de extinción.
As RAIAS desenvolveron moito as súas aletas pectorais para "voar" na auga, esténdense ao longo do seu corpo aplanado ata as aletas pélvicas. Deste xeito obteñen flotabilidade en ausencia de vexiga natatoria, nadando e planando. A pesar do que poida parecer, os seus movementos son moi áxiles e teñen unha grande manobrabilidade.
A súa cola reduciuse a unha delgada prolongación a xeito de látego onde se atopan as aletas dorsais. Non teñen aleta anal e en vez de escamas na pel, ou teñen dentículos dérmicos, que lle dan un tacto áspero ou teñen a pel lisa cuberta de mucosa.
Para defenderse, algunhas desenvolveron aguillóns, que poden ser velenosos, ou incluso órganos que poden producir descargas eléctricas. Cando teñen aguillóns velenosos, como as ouxas ou os chuchos, estes están na súa fina cola. Normalmente teñen un único aguillón conectado a unha glándula que segrega unha mucosa tóxica. Os efectos destas picaduras dependen da súa intensidade e van dende calambres e parálise parcial ata dificultades respiratorias.
Por outra banda, unhas 17 especies de raias desenvolveron a capacidade de producir descargas eléctricas, todas elas raias torpedo, grazas aos músculos modificados na súa cabeza. Estes órganos electróxenos teñen a súa polaridade positiva na parte dorsal e a negativa na parte ventral, polo que a descarga é especialmente intensa cando se tocan os dous lados da raia. Son capaces de modular a intensidade da descarga segundo a súa función, polo que, cando a usan para defenderse ou capturar presas, é máis intensa que cando a usan para comunicarse entre elas.
Dado que as raias tenden a enterrarse na area, é importante ter coidado de non molestar para evitar estas respostas de defensa.
Os seus sentidos tamén tiveron que adaptarse a vivir no fondo. Dado que o seu corpo está aplanado, os ollos están no lado superior, polo que non lle deixan ver o que hai debaixo, pero isto compénsao co seu desenvolvido olfacto e os electrorreceptores que ten do lado ventral.
Os tiburóns sempre despertaron moita fascinación e non é de estrañar, dado que son animais cunha longuísima historia evolutiva que permitiu a mellora da especie. Xa habitaban os mares antes da extinción dos dinosauros, e coidamos que xurdiron hai uns 400 millóns de anos.
Falaremos do MELGACHO que é o que atoparemos mergullando na ría. Pero en Galicia hai outros tipos de tiburón que pode verse ocasionalmente. Para máis información, deixámosvos a ligazón a unha páxina fantástica, que dificilmente pode mellorarse:
O melgacho pertence á orde dos carcariniformes (como a cornuda ou tiburón martelo, a quenlla e o tiburón oceánico ou de puntas brancas), que se caracterizan por teren o aspecto típico de tiburón con :
- 2 aletas dorsais moi atrás
- 5 fendas branquiais a cada lado
- ausencia de espiñas nas aletas
- boca situada detrás dos ollos
- terceira pálpebra protectora (membrana nictitante)
As raias son animais moi antigos, do período xurásico e calcúlase que levan 150-200 millóns de anos no mar. Son maioritariamente bentónicas (viven no fondo do mar) polo que adaptaron a forma do seu corpo a este estilo de vida: con cores que lles permiten camuflarse, un corpo aplanado para poder enterrarse e carecendo de aleta anal.
Nadan grazas ás ondulacións das súas grandes aletas pectorais, que percorren todo o seu corpo e na parte ventral, apoiadas na area, é onde se atopan a boca, os orificios nasais, as branquias (por onde bota a auga ao respirar) e os electrorreceptores.
A raia que atopamos con máis frecuencia na ría é a RAJA UNDULATA ou RAIA RISCADA, cuxas aletas pectorais están moi desenvolvidas e estendidas ao longo do corpo, úsanas con movementos ondulatorios para moverse. Pode superar o metro de lonxitude, ten un corpo en forma de disco romboide, máis ancho do longo, e un fociño curto.
Como son bentónicas carecen da aleta anal e teñen na súa parte dorsal os espiráculos (dous buratos xusto detrás dos ollos) por onde entra a auga para respirar, de xeito que non entre area, o que sucedería se tomasen a auga por a boca como fan algúns tiburóns.

Raja undulata

Scyliorhinus canicula












Os tiburóns teñen unha baixa taxa de fecundidade, teñen poucas crías e necesitan unha maduración longa, polo que é esencial respectalos e coidalos.
Ten hábitos nocturnos, polo que durante o día móstrase bastante desganado e non se move a menos que nos acheguemos demasiado. Nada grazas aos movementos ondulatorios da súa cola sen subir demasiado do fondo areoso. É á noite cando vai cazar moluscos, crustáceos e outros peixes que compoñen a súa dieta.
Podemos atopar melgachos en Os Cenoiros, A Furna, Cabo de Mar ou Frapelo. Normalmente estarán en fondos areosos ou de cascallo, pero tamén poden aparecer en zonas de rochas, camufladas entre algas ou nas pradarías de zostera.
Ocasionalmente avístanse outro tipo de tiburóns dentro da ría. É máis normal que aparezan exemplares de marraxo ou tiburón peregrino ao pasar as Illas Cíes, no interior da ría pode chegar algunha cría de quenlla ou tiburón azul.
É un dos poucos tiburóns ovíparos e os seus ovos, moi característicos, consisten nunha bolsa rectangular da que saen filamentos enrolados polos extremos para que poidan collerse nas gorgonias ou algas. Coñécense como "bolsos de serea" e non é raro atopar as súas envolturas na beiriña dalgunhas praias. A posta realízase especialmente na primavera e cada femia pode pór ata 100 ovos ao ano, dous en cada posta.
Coma outras pequenas especies de tiburón, para aparearse o macho enróscase arredor da femia e introduce o pterigopodio (órgano reprodutor masculino) que estea máis preto dela, dado que teñen dous, un a cada lado nas aletas pélvicas. Este trazo é moi útil para poder diferenciar a femias e machos a simple vista, aínda que nos melgachos non é tan sinxelo de ver como nas raias.
É de cor agrisada ou beixe claro con pequenas manchas escuras espalladas polo corpo, que poden ser algo máis grandes nas aletas. Ás veces ten bandas transversais dun gris máis escuro. A parte ventral é case branca, sen manchas e na parte inferior do morro ten grandes orificios con dobras que chegan á boca.
A cola é heterocerca, é dicir, asimétrica (a diferenza dos peixes óseos, que é simétrica ou homeocerca), co lóbulo superior máis desenvolvido para favorecer a hidrodinámica e o inferior acurtado de xeito que non dificulte os seus movementos a rentes da area.
En concreto, o melgacho pertence á familia dos tiburóns gato que son de tamaño pequeno, ao redor de 1 m, corpo moi delgado e ten un fociño curto e redondo. Os ollos son ovalados e xusto detrás están os espiráculos. O melgacho é bentónico, vive nos fondos, polo que ten estes espiráculos (pequenos buratos) para favorecer a entrada de auga que lles permite respirar aínda cando estean inmóbiles. As aletas, en xeral, son pequenas.
As raias riscadas son máis activas pola noite, polo que durante o día normalmente están pousadas ou enterradas na area, perfectamente ocultas e deixando ver apenas os ollos e os espiráculos. Pódense ver en puntos como Os Cenoiros, Frapelo ou Cabo de Mar, aínda que poden aparecer practicamente en calquera lugar da ría.
------------------------------------------------------------------------------------
Ocasionalmente na ría pódense observar outros tipos de raia:
- Dasyatis pastinaca, ouxa ou ferreiro, que ten un corpo máis liso e unha coloración uniforme gris escuro. Teñen un aguillón velenoso na base da cola que poden substituír cando o perden.
- <